2016/03/06

2016/03/02

Antropónimos galegos

http://www.ige.eu/igebdt/esq.jsp?idioma=gl&ruta=onomast/nomconc.jsp


A ANTROPONIMIA EN GALEGO
A antroponimia é a rama da lingüística que se ocupa dos nomes propios e apelidos das persoas, como parte da onomástica que é a división que estuda os nomes propios en xeral.

1. Orixe dos antropónimos galegos

Podemos sinalar as seguintes fontes para os antropónimos galegos na época de formación das linguas románicas:
a) O patrimonio romano, que engloba nomes persoais de orixe latina (Mariña), grega (Uxía) e hebrea (María).
b) O legado xermano (gótico e suevo) con formas latinizadas (Miro, Ilduara).
c) O patrimonio hispánico, fundamentalmente nomes vascos (Vasco, Urraca).
Por esa altura, fronte ao costume romano dos tria nomina, usábase un único nome para cada individuo.


2. Orixe dos apelidos galegos
A partir do século IX comeza a aparecer un segundo nome que logo dará orixe ao que hoxe coñecemos como apelido. Confluíron un aumento demográfico e a repetición de nomes por moda, isto fixo necesario botar man doutros procedementos para identificar con claridade a cada persoa:
a) Utilizar o nome do pai, apelidos patronímicos (Álvarez, Vidal)
b) Sinalar o seu oficio ou profesión (Bispo, Freire, Porteiro)
c) Indicar a súa orixe xeográfica, na maioría dos casos o topónimo vai precedido da preposición “de”, o que demostra que os apelidos actuais con tal preposición non indican de por si a pertenza a unha liñaxe nobiliaria (Arousa, Insua). Noutros casos a orixe está no santo protector da freguesía de orixe do individuo (Sampaio, Sanxurxo) ou no xentilicio (Franco, Galego).
d) Valerse dun alcume que pode facer referencia a unha cualidade física (Calvo, Gago) ou moral (Alegre, Leal), a unha comparación con animais (Abella, Solla), a plantas e froitos (Carballo) ou a obxectos (Fariña, Agulla).
e) Apelidos estranxeiros traídos por inmigrantes (Castillo, Padilla).
Segundo avanzou a Idade Media, os nomes propios con procedencia na área grecorromana foron aumentando fronte aos xermánicos, maioritarios no período altomedieval.

3. Formación e evolución dos nomes persoais medievais

Paralelamente houbo unha escolla dos nomes persoais tamén denominados nomes propios, de pía ou de bautismo. As características esenciais que mostran son as seguintes:
a) Uso dun único nome persoal ao longo de todo o período.
b) Paso do predominio da onomástica xermánica no período altomedieval, a unha igualdade entre esa tradición e a tradición latino-cristiá. Os nomes máis usados eran Constanza, Inés, Tareixa, Elvira e Aldara para as mulleres, e Xoán, Afonso e Pedro para os homes.
c) Os nomes sufriron as mesmas evolucións fonéticas que o resto do idioma.
d) Non se diferencia entre nome formal e hipocorístico.

4. Evolución da onomástica galega na Idade Moderna

O corpus básico da antroponimia galega fora fixado na Idade Media, de xeito que durante a Idade Moderna, os apelidos novos son poucos (fundamentalmente de topónimos). Cos nomes propios ocorrerá outra cousa: os antigos nomes medievais castelanizáronse e o influxo da Igrexa Católica se deixou sentir co espallamento de novas devocións (os anxos custodios, a sagrada familia, novas ordes relixiosas como os xesuítas ou os dominicos, novos santos).
Castelanización dos apelidos
Ao converterse o castelán no idioma da Corte e asentarse un proceso paralelo de centralización administrativa (incipiente no século XIV, forte coa uniformización lingüística dos Reis Católicos, e continuísta cos Austrias e Borbóns), vanse dando unha serie de pasos tendentes a prohibicións parciais dos restantes idiomas peninsulares, de maneira que se produciron intentos de castelanizar tanto a toponimia como a antroponimia no territorio galego.
Este proceso, que é observable desde antes do XV, xeneralízase a partir do XVI, estas transformacións fóronse efectuando en boa medida por decisión dun escribán ou un crego, con poder para asentar un nome por escrito.

Máis apelidos foráneos
Prodúcese a aparición de máis apelidos foráneos, pódense citar varios focos de atracción que provocaron a chegada de xentes de fóra da Galiza:
a) A demanda dos centros artísticos: catedrais, mosteiros, nobreza etc, en boa medida impulsadas pola reformas eclesiásticas e o auxe da fidalguía (Isla).
b) A reforma emprendida polos Reis Católicos puxo a dirección dos conventos en mans de foráneos, que viñan con frecuencia acompañados de paniaguados e familiares (Valladolid).
c) Para reimpulsar as ferrarías e minas desde o XII aparecen numerosos vascos, especialmente na zona oriental galega (Bizcaíno).
d) Para o XVIII, con continuación no XIX, débese destacar a chegada de cataláns (ás veces son valencianos e mallorquíns) ao litoral, en relación coa súa expansión pesqueira. Asentados nas rías, os seus apelidos ficarán entre nós (Colomer).
e) De europeos (Barrié, Marchesi, Tettamancy).
5. Antroponimia hoxe
Na actualidade, ao proceso castelanizador principiado na etapa anterior, súmanselle outras correntes:
Dunha banda, o proceso de globalización iniciado no século XX e xeneralizado nos comezos do XXI que achega nomes estranxeiros a través de protagonistas de series de televisión, cantantes, etc.
Doutra banda, unha corrente de recuperación consciente de nomes galegos (Uxía, Aldara, Nuno, Paio).
Dende o inicio da aplicación dunha política lingüística de normalización por parte do goberno e do tecido social galego na actual etapa autonómica, a antroponimia, como un dos principais signos de identidade, ten sido obxecto de diversas campañas de sensibilización tanto para a recuperación dos nomes galegos nos acabados de nacer como para a regaleguización de nomes e apelidos de persoas adultas.
6. Recursos de antropónimos galegos na rede
Caixa de apelidos (A Mesa)
Caixa de nomes (A Mesa)
Cartografía dos apelidos de Galicia
Chámate con xeito (campaña da UVI)
Distribución xeográfica dun apelido na páxina do IGE
Distribución xeográfica dun nome na páxina do IGE
Nomes de neno e nena (Xeración dos Axóuxeres da DXPL)
Nomes galegos (de Fillos de Galicia)
______
Fonte principal para esta entrada: "Antroponimia" na Wikipedia.