2014/09/23

21 días para 10 anos


Este ano faise unha década do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega. Este texto tiña como fin deter, en primeiro lugar, e reverter, despois, a perda de falantes na nosa lingua. 
Vou falar dende a miña posición como profesora de lingua e como falante, e non preciso académicos ensaios de asisados investigadores que me demostren aquilo que o meu alumnado detecta sen problema ningún, que o galego non é unha lingua normalizada e que segue a perder falantes vertixinosamente. No meu instituto levamos dous cursos realizando unha actividade chamada 21 Días co Galego, un groliño de auga cheo de ilusión na longa travesía do deserto para o galego que supón a práctica lingüística do noso alumnado. Se o Plan funcionase, unha actividade coma esta sería un absurdo, lamentablemente teño a convicción de que é necesaria porque en moitos casos supón o primeiro intento de utilizar socialmente o galego. Preciso máis argumento que a existencia deste tipo de actividades para amosar a agoniante realidade da lingua galega? Poderemos falar sen descanso das marabillas do traxe novo do emperador, pero a realidade non deixará de ser que o rei está nu, que as autoridades e a sociedade galega non respectan o PXNLG e que non abondan 21 días para 10 anos.


Ilustración de Bertall para o conto O traxe novo do emperador.
- - - 
Disto tamén falaron outros que saben máis ca min:

Agustín Fernández Paz - Palabras baleiras
"Na Galicia de hoxe, as persoas galegofalantes sabemos que a nosa liberdade lingüística é limitada. [...] Nestes días, cando lembramos o décimo aniversario do Plan Xeral de Normalización da Lingua, aprobado por unanimidade no Parlamento de Galicia, cómpre reiterar o primeiro dos cinco Obxectivos Xerais que o Plan sinala: "Garantir a posibilidade de vivir en galego a quen así o desexe, sabendo que conta co amparo das leis e das institucións." Non son, non poden ser palabras baleiras."

Xabier Docampo - Dez anos que se esfarelaron en nada

Este domingo, 21 de setembro,  cúmprense dez anos daquel día no que o Parlamento de Galicia aprobaba por unanimidade o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega. Cando rematou a votación os parlamentarios, comezando polo Presidente da Xunta, Manuel Fraga e seguindo polo vicepresidente, Alberto Núñez Feijoo, aplaudiron aquela decisión que acababan de tomar. Cos seus aplausos facían manifestación pública do que se comprometían diante do pobo galego:
·         Garantirlle a posibilidade de vivir en galego a quen así o desexe, sabendo que conta co amparo da lei e das institucións.
·         Conseguir para a lingua galega máis funcións sociais e máis espazos de uso, priorizando a súa presenza en sectores estratéxicos.
·         Introducir na sociedade a oferta positiva de atender o cidadán ou cliente en galego como norma de cortesía dun novo espírito de convivencia lingüística.
·         Promover a visión afable, moderna e útil da lingua galega que esfarele prexuízos, reforce a súa estima e aumente a súa demanda.
·         Dotar o galego dos recursos lingüísticos e técnicos necesarios que o capaciten para vehicular a vida moderna.
...hoxe as ilusións que depositamos no PXNLG, o crédito que lles demos aos políticos que o aprobaron no Parlamento foi deitado ao lixo do esquecemento. Dez anos despois conseguiron que o PXNLG desaparecese, como se nunca tivese existido e no canto de vermos avances na normalización lingüística o que se nos presentou foi un proceso de demolición do cativo edificio que tiñamos construído.

Xosé Antón Laxe Martiñán - Dez anos de PXNL: nada podemos celebrar

"Hoxe, en 2014, se todo decorrese como debe ser en democracia, as institucións públicas galegas estarían organizando ducias de congresos, conferencias, seminarios e outros actos encamiñados a conmemorar a histórica data e a explicar os avances que se deberan lograr nunha década. [...] Pero nada disto será posible. Nada se celebrará, nada se analizará e nada se fiscalizará, porque ben poucas medidas foron aplicadas."

Ramón Nicolás - Resiliencia para a lingua galega

"Con todo, persoalmente, obrígome a cultivar a resiliencia, isto é, tentar sobreporse a situacións adversas e xerar sinerxias positivas, neste caso a prol do idioma galego. Resiliencia, pois, polo de agora como resposta ao incumprimento do que a lei ditou, seguir sendo, como dixo Celso Emilio,  “mariñeiros, labregos da linguaxe, remo i arado, proa e rella sempre”, talvez hoxe máis que nunca."


"Sigamos loitando polo soño de normalizar a lingua que herdamos dos nosos devanceiros empuñando as armas da palabra, esixamos que se cumpra co compromiso adquirido aquel 21 de setembro do 2004, cando o consenso entre as diferentes forzas políticas que nos representan fixo danzar os corazóns do pobo."



Víctor F. Freixanes - O patrimonio da lingua

Marcelino Fernández Mallo - Dez anos de agonía lingüística

Francisco X. Fernández Naval - Dez anos con plan, pero plantados





Radio Galega - Diario cultural

Xavier Senín - Apúntome a un bo plan