2010/04/30

In memoriam - Tuto Vázquez (1947-2010)



Gustaríame ter recollido aquí algunha das escenas de Mareas Vivas, a serie coa que coñecín a Tuto Vázquez, mais non puido ser. Deixo esta curta titulada O trasto, dirixida por Rafael Calvo en 2002, na que podemos ver unha interpretación súa.
No blog de Xabier Docampo podemos ler unha entrada dedicada ao que fora grande amigo seu.

2010/04/29

Festa a Festa cumpre un ano


Festa a Festa cumpre un ano.
Quero felicitar a Roxegar polo seu traballo neste blog nado desa paixón que ten polas orquestras e festas.
Unha bitácora que pola súa temática tamén contribúe dunha forma digna a normalizar o galego neste eido do lecer.
Parabéns!

2010/04/25

Compilación de caligramas e colaxes

Para ilustrar as bases do Concurso de Poesía Visual Uxío Novoneyra 2010 do IES de Porto do Son, Román Landín e Sonia Ces García ofrécennos esta Compilación de caligramas e colaxes na que, ademais dos caligramas máis coñecidos, tamén podemos ver algúns exemplos máis orixinais e outros caligramas e colaxes creados en centros de ensino. Parabéns aos dous.

2010/04/24

Portadas para a historia

A Nosa Terra

IV Certame Literario IES de Sanxenxo

Parabéns á xente do IES de Sanxenxo pola estupenda organización deste certame. Todo un acerto a convocatoria presencial que levan a cabo, lonxe desoutros concursos literarios, aquí os participantes experimentan a escrita literaria en directo, en igualdade de condicións e a partir doutros textos literarios.
Unhas fotos da experiencia.
IV Certame Literario IES de Sanxenxo on PhotoPeach

2010/04/22

Bookcrossing en Barcelona

Aquí vos deixo o artigo escrito para o suplemento Faro da Cultura de Faro de Vigo e publicado o 22 de abril de 2010. Nel falo sobre a novela A paixón de Alexandra de Xulio Ricardo Trigo publicada por Xerais.

En Xulio Ricardo Trigo temos a un autor catalán de orixe galega. Creador polifacético, desenvolve o seu labor como escritor, tradutor e artista plástico en Cataluña desde 1965. Non se trata dun escritor especificamente xuvenil senón que este tipo de obras conviven dentro da súa produción coa “narrativa de adultos”. Pero a súa relación coa literatura é máis ampla e nela inclúense dende o xornalismo cultural ata a docencia de escritura creativa. Desde 2004, publica o blog El violinista celest sobre temas literarios, artísticos e cinematográficos como forma de ter contacto directo cos seus lectores e de poñer en orde as súas cousas.



Xerais, na súa colección Fóra de xogo, tráenos a última novela xuvenil de Trigo, A paixón de Alexandra, unha historia de amor aos libros e á literatura, de amizade e de aventura ambientada en Barcelona. Estes temas mestúranse na novela co da integración dos inmigrantes, a amizade, a música ou o alcoholismo. Outra obra súa que tamén podemos ler en galego é A desaparición de Evelyn (Galaxia, 2001).
O libro é a historia da amizade que nace entre Alexandra e a súa nova amiga Eva, que lle descubrirá o apaixonante mundo do bookcrossing, de como ese cruzamento de libros casual se pode converter nunha aventura paixonal.
Alexandra, a protagonista, é unha amante lectora de Haruki Murakami (o reservado escritor que os alumnos do Premio San Clemente conseguiron traer a Galicia en 2009), pero na súa afección lectora crúzase a obra da escritora arxentina Alejandra Pizarnik que desata nela unha auténtica paixón lectora. Nos poemas de Pizarnik, presentes na novela, a protagonista atopa o seu alter ego e isto produce nela unha vivencia literaria ata daquela descoñecida.
Asemade, Alexandra establece unha relación co seu compañeiro de instituto Ricard que foxe dos convencionalismos de romances merengóns presentes en moitas novelas xuvenís. Álex é unha adolescente que decide e vai ser ela a que marque os tempos nunha relación que nace caprichosamente, sen ir a remolque do compoñente masculino da parella. Tamén é orixinal a distancia sentimental entre os dous, sen paixón nin namoramento.
Xulio Trigo gusta de levar o libro ao libro, de xeito que esta temática non é nova no autor, na súa anterior novela xuvenil, Una lectora de Txèkhov (2006), Carla vai coñecer a vida do pasado a través da lectura do autor ruso, e xa dez anos antes, na súa obra El misteri del Barri Gòtic (1996), tamén xuvenil, atopabamos tres adolescentes afeccionados á literatura que a partir dun libro levan a cabo unha investigación e unha descuberta.
Manifestamos a nosa queixa sobre a excesiva brevidade da novela, quizais se podería falar dunha certa precipitación no remate dunha historia que nos deixa con ganas de máis páxinas.

TRIGO, Xulio Ricardo: A paixón de Alexandra; Edicións Xerais; colección Fóra de Xogo nº 127; Vigo, 2010.

2010/04/20

A lingua, da rede á aula e da aula á rede

Nas XX Xornadas de Lingua e Literatura en Santiago de Compostela organizadas pola CIG e a ASPG tiven a oportunidade de ir escoitar a conferencia de Amador Loureiro, "A lingua, da rede á aula e da aula á rede".

Pareceume que realizou unha boa compilación de recursos, útil para a maioría do profesorado e moi completa e variada se temos en conta o escaso tempo co que contaba.

Esta é a presentación que utilizou.

2010/04/15

Decímolo ou non o decimos? (1985)

Atopei en flocos.tv esta curta de Manuel Yáñez Castro do ano 1985.


A obra está baseada na historia de Ánxel Fole "¿E decímolo ou non-o decimos?". 

" [...] en 1972 deu á luz o relato urbano ¿E decímolo ou non-o decimos?, nun folleto editado en Lugo por Cartonaxes Anmi, preludiando xa o ciclo de vilas e cidades de Galicia que ambientarían os libros Contos da néboa, publicado por Edicións Castrelos en 1973, e Historias que ninguén cre, ofrecido por Edicións Xerais de Galicia en 1981."

Este texto do autor lugués pódese atopar na obra Historias que ninguén cre (1981), reeditada en 2004 por Galaxia, ou en Ánxel Fole. Obra literaria completa II. Obra en galego (2003), na mesma editorial.

E indo dunha cousa noutra, tamén atopei esta presentación de Xoán Díaz sobre Ánxel Fole.

Melancolía de Sofá de Luísa Castro

Aquí vos deixo o artigo aparecido o 15 de abril de 2010 no suplemento Faro da Cultura de Faro de Vigo. Nel falo sobre o libro de artigos xornalísticos Melancolía de sofá de Luisa Castro publicado por Xerais.

(Clica na imaxe para ver en grande)

2010/04/13

Buscadores de libros

Isto é unha pequena listaxe dos buscadores de libros máis coñecidos:

Bibliomania – buscador de obras de literatura clásica.

Biblioteca Dixital Mundial - (World Digital Library) Contén manuscritos, mapas, libros pouco comúns, partituras musicais, gravacións, filmes, gravados, fotografías e debuxos arquitectónicos de todo o mundo.

Ebook Engine – enlaza con otros buscadores de ebooks gratis.

Ebooksearchengine.com – buscador de ebooks en formato PDF e doc.

eLibrary - é un aplicativo para a catalogación, organización e xestión de coleccións de libros para un uso persoal, ten a opción de tentar extraer o ISBN a través da busca nas propias páxinas da publicación, do nome do ficheiro ou mesmo buscando en Amazon e o servizo de Google Books, característica totalmente automática que se executa con tan só arrastrar e soltar un ficheiro dentro da xanela de eLibrary.

Google Books – buscador de libros de balde, de acceso fragmentado e de pagamento.

Open Library – é un proxecto colaborativo como a Galipedia, que ten como obxectivo ofrecer toda a información existente de todos os libros do mundo, xa sexan físicos ou dixitais, estean á venda ou descatalogados.

PDF Geni - buscador de libros en formato PDF, conta cunha extensión dispoñible para Firefox.

PDF Search Engine - buscador de arquivos en formato PDF, tamén conta cunha barra de ferramentas de procura de Firefox para ebooks.

PDFse - buscador para atopar ebooks, manuais, cursos, temarios, exercicios, etc. en formato PDF, con nube de etiquetas, buscador de palabras clave e un glosario alfabético.

Proxecto Gutenberg - (Project Gutenberg) é un esforzo voluntario para dixitalizar, arquivar e distribuír obras culturais a través da dixitalización de libros. Fundado en 1971, é a mais antiga biblioteca dixital. A maioría dos seus textos son de dominio público, ben porque nunca tiveron dereitos de autor ou porque se os tiveron estes xa expiraron. 

Search PDF eBooks -  Procura documentos e libros en PDF.

* Post realizado partindo de información facilitada por María Rodríguez.

2010/04/11

Guías de lectura

Presentación realizada por Pilar Ponte (A profa) para o obradoiro "Guías de lectura, máis alá do texto. Propostas didácticas" que se desenvolveu dentro das XX Xornadas de Lingua e Literatura da AS-PG e a CIG en Santiago de Compostela en abril de 2010.
Nela poderás atopar:
- Obxectivos da lectura.
- Tipos de guías de lectura.
- Elementos da guía de lectura.
- Na rede (compilación de páxinas na rede onde se poden atopar guías de lectura).

2010/04/10

XX Xornadas de Lingua e Literatura


Hoxe estou convidada ás XX Xornadas de Lingua e Literatura en Santiago de Compostela organizadas pola CIG e a ASPG, o meu agradecemento aos organizadores.
Pola miña parte, espero poder escoitar a Amador Loureiro, "A lingua, da rede á aula e da aula á rede".